A Cultura é, entre outras cousas, o contexto do coñecemento. Na ensinanza formal estamos a dar moito coñecemento técnico (cando o damos ;-) descontextualizado, e iso é un grave erro aínda que a moitas persoas (incluído moito profesorado) lle pareza mellor, pois opinan que o coñecemento ten que ser neutro e aséptico. Iso é confundir coñecemento con información.
Os algoritmos e a programación (e as tecnoloxías asociadas) non é que sexan importantes na nosa sociedade, é que están a transformar o tecido produtivo, social e cultural dun xeito profundo e vertixinoso (non é un erro falar da nova Revolución Industrial). Ata onde chegará esa transformación non podemos vaticinalo, pero si temos que entender que os algoritmos non son un coñecemento técnico para profesionais, senón que xa forman parte do acervo común da sociedade, de igual xeito que a Historia ou a Bioloxía, por exemplo.
Por resumir, nas ensinanzas científico-técnicas e informáticas ten que haber un espazo para a Arte e as Humanidades (e, por suposto, nas outras ensinanzas terá que haber unha formación científico-técnica e informática).
Unha boa proposta é utilizar e analizar obras de Arte ou de simple entretemento relacionadas coa Cultura Algorítmica, ben para explicitar/visibilizar a súa compoñente algorítimica, ben para desenvolver competencias relacionadas que axuden a formarnos mellor. No primeiro caso estariamos a falar, por exemplo, de ler unha novela, un cómic ou ver unha película de Ciencia Ficción que permita reflexionar e facernos unha idea propia sobre os profundos cambios que están a acontencer. No segundo caso falamos de xogar a un xogo de mesa ou a un videoxogo que desenvolve competencias relacionadas coa Programación.