Papel

Nesta sección non imos recomendar lecturas académicas nin titoriais,  senón lecturas relativas á cultura algorítmica nun aspecto amplo, que podan estar nunha biblioteca de instituto, tanto para a lectura do profesorado como do alumnado.

Os ensaios son un dos xéneros literarios de maior calidade na actualidade (pese a iso non son de lectura habitual nos IES). Nunha época de información desbordante o mellor xeito de afondar nun aspecto cultural ou académico é ler un libro (ou artigos longos). Nunha época de lectura dixital e fragmentada a moita xente (tanto adultos como adolescentes) isto dalle preguiza, ou incluso non o ven como útil, preferindo a lectura vía web. É importante aprender a diferenciar cando temos que ler en internet (para consultar, repasar, buscar...) e cando debemos facelo en papel (ou ebook). Para temas de actualidade nos que queiramos poñernos ao día faise imprescindible a lectura pausada de ensaios. En concreto calquera tema de divulgación científica ou tecnolóxica.

As novelas son un referente importante da nosa cultura, e con elas podemos reflexionar/sentir, sumerxíndonos na ficción (cando está ben narrada) dunha maneira distinta a como o facemos coas películas ou os videoxogos. Nas novelas de ciencia ficción ( e iso é un termo moi amplo hoxe en día) podemos contextualizar a evolución presente ou futura da tecnoloxía, e como afecta á nosa sociedade e incluso á nosa humanidade, dunha maneira complementaria a como podemos facelo estudando ou lendo ensaios.

A banda deseñada é a gran esquecida na formación cultural do alumnado(e tamén das persoas adultas). A maioría da xente aínda considera que son para a rapazada de Primaria, ou en todo caso un mero entretemento. Pero o cómic é unha das Artes máis vivas e dinámicas na actualidade (basta con ver a inmensa cantidade de series e películas baseadas en cómics), e a variedade de obras para públicos de todas as idades e intereses culturais é abraiante. O cómic é, nin máis nin menos, outro medio de expresión artística e a seriedade ou interés da obra varía tanto como en calquera outra Arte. Se nunca probaches  a ler un cómic "serio" podes probar un de calquera tema no que penses.